Cerimonias

Esta categoría de fotos, dedicámola á festa, romerías, cerimonias e outros acontecementos importantes en Campo Lameiro. Atopámonos, unha vez máis, co poder que exercen os santorais. Poderíamos falar de múltiples santos que son venerados nas distintas parroquias coma San Miguel do Campo, Santa Mariña de Fragas, San Blas de Praderrei, San Xosé de Chacente, Santa Lucía de Morañó, A Virxe da O en Castro de Orto, San Bieito en Parada, San Antonio en Paredes, Santo Outel de Lamosa, Santa María de Muimenta, San Isidro Labrador, San Xosé de Chacente…

Ímos recordar costumes que salpicaban dun modo particular as festas do noso Concello. A continuación recollemos algunhas que están expresamente relacionadas co San Xoán, coa Semana Santa, co Corpus e coas festas bailadas que se celebran á noite.

Na noite de San Xoán, noite coñecida coma das bruxas, facíase unha fogueira e había que saltala tres veces para purificarse, ó mesmo tempo que dicir: “Sáltote lume de San Xoán para que non me morda sin cadela nin can”.

Esa mesma noite tamén se poñia nunha fiestra unha clara de ovo nun vaso con auga. O día seguinte miraban a ver que forma tiña a clara: se aparecía unha igrexa quería dicir que te casabas, un ataúde que ía haber un difunto, unha casa que ías a facela… Outra tradición era  a de poñer debaixo da cama dunha solteira un espello mirando el colchón. Así a moza soñaba co mozo co que ía casar.